Agradecementos da asociación GHANDALF

Este é un libro traducido a 12 mans. Un esforzo de tradución voluntaria que supuxo para nós unha gran ilusión, mais tamén un gran reto: como traducir un libro, a 12 mans, e que se entenda?

Para facelo, tratamos de seguir un proceso análogo ao que se segue nos proxectos de software libre, apoiándonos en ferramentas libres que desen soporte a unha metodoloxía de traballo colaborativa. Deste xeito, non só traducimos un libro, senón que exploramos o traballo en comunidade noutro ámbito distinto ao da produción de software. O resultado: un libro clave, de 116.032 palabras, que fala de software libre traducido ao galego.

Subxectivamente, vindo como vimos do mundo do software libre, cólmanos de felicidade que un dos textos de referencia do movemento estea no noso idioma natal. Obxectivamente, este é un gran logro: o galego pasa a ser o 5º idioma no que se pode ler! Véxase este esforzo como a nosa humilde participación para normalizar o uso da lingua galega nos ambientes técnicos. O espírito que nos moveu foi o mesmo que o dos editores do senlleiro “O Tío Marcos da Portela”, primeiro xornal monolingüe en galego: é posible falar de calquera tema no noso idioma.

Para rematar, queremos agradecer a todos os involucrados no proxecto a súa participación: aos voluntarios que puxeron o seu tempo para tornar a idea en realidade, aos mecenas que nos permitiron sacar unha tirada en papel, aos convidados de honra que prologaron e epilogaron a obra, á deseñadora e á imprenta que estiveron sempre atentos aos nosos requirimentos. Mais ante todo, queremos agradecerche a ti, lector, que teñas a ben lelo.

«Brindemos polo commit, que é o átomo do software libre!»

Asociación GHANDALF