Yolanda Castaño: O corgo volveuse fonte
E o corgo volveuse fonte,
esluíu cada un dos xermes apozados,
ceibou as ondas irredentas,
manou para bebermos vida.
Foi así que partillamos libres
o elemento do mundo dende a nosa tribo,
idéntico e noso, apátrida e multiplicado,
propio e de ninguén, o compartido usufruto.
Foi o herdo que discorre coma facho luminoso,
líquido empeño ou testemuño transparente,
en cada remuíño medrarán embrións novos,
regarán os seus átomos as terras máis vizosas,
en cada canle nova un diminuto universo,
particular e planetario, o monte virá aos vales,
o río dará a chuvia,
a roda será eterna,
o océano todo na conca das mans dun neno.
Porque flúe, porque flúe, porque flúe, porque flúe.
O corgo, ó fin, volveuse fonte.
— Yolanda Castaño