Suso de Toro: De analóxicos a dixitais
Quen asina isto foi un escritor analóxico e nunca deixou de selo, nin sequera a que comezou a usar o “email” e probábelmente sexa alguén temeroso deste mundo novo. Aínda que sempre percibín que a vida e o tempo que me correspondía era caos e fragmentación nunca deixei de ter soidades dunha vida e un tempo que puidese ser contado nunha narración. A narración conta como alguén afronta dificultades e perigos e consegue así coñecer quen é, coñecendo o seu pasado faise dono da súa vida, do seu futuro tamén. O tempo da narración ten pasado, presente e futuro; o tempo que nos corresponde, o tempo dixital, só é presente, un presente que se extende cara os lados, cara adiante e cara atrás. O tempo dixital é eternamente xuvenil, inesgotábelmente e fatigosamente novo. Estamos destinados a vivir un único día perpetuo.
Algúns non deixaremos de ser uns intrusos no novo mundo. Intrusos a contemplar ese mar que é a Rede con asombro: e será certo que aí hai de todo? E logo será que vai caber aí todo o que houbo antes, como se fose a memoria da humanidade? E vai ser que todos teñamos aí dentro dese mundo paralelo unha imaxe nosa,un rostro, un dobre dixital? Está a transformarse a Rede nun duplicado do mundo de carne, o que fica aquí a este lado do espello, da pantalla? Asombro, a Rede causa e debe causar asombro.
Hai algo de desacougante, e mesmo de sinistro, na Rede é certo porén, sobre todo, está aí todo o humano. Pois é a creación humana máis pura, xa non é unha materia prima existente no mundo e que nós manipulamos para darlle forma, trátase de unha cousa feita puramente de linguaxe, esa materia específicamente humana. A Rede é o verdadeiro comezo do mundo dos humanos, a Creación dun novo mundo. Unha tarefa titánica e o titán somos todos, construimolo entre todos, cos nosos desexos, cos nosos ideais, coa nosa curiosidade, coa nosa laboriosidade. Nunca haberá unha única lingua universal abofé, ese soño totalitario e imperialista, a Rede demóstranos que se constrúe a poder de vontade de comunicarse e iso facémolo sen liquidar a ninguén e sen liquidarnos a nós propios: construimos a Rede en rede articulada, con todas as persoas e todas as linguas.
Como galego que quere vivir na súa lingua este tempo e este mundo, a experiencia dixital faime considerar novamente os límites administrativos en que está encerrado o galego. Faime ver até que punto se limita cunha ortografía que o encerra e o afasta do campo humano e cultural que se expresa en portugués desde tantos lugares do mundo. Se queremos, a Rede é a oportunidade de que a nosa lingua sobreviva facendo que saltemos por riba dunha fronteira absurda que nos separa dun campo lingüístico que comeza no noso Sul, cruzando o noso Miño, e que se extende por outros tres continentes. Pódenos liberar de ser unha lingua deturpada e encerrada dentro dun estado que nos segue a ignorar. O tránsito dunha lingua analóxica a unha lingua dixital supón o reencontro cos outros usuarios da lingua no mundo, esa é tamén a oportunidade de que sobreviva entre nosoutros.
A experiencia demostroume que a Rede é de natural democrático, a Rede é o lugar onde cabe calquera que quere saír de si. A Rede técena individuos sós, mais enviando os seus fíos solitarios constrúen comunidade. Non precisamos que se impoña lingua única nin idea única ningunha, polo contrario a Rede é horizontal e de coexistencias, o que si precisamos é unha linguaxe común, accesíbel e democrática: o software libre.
— Suso de Toro