Sobre a tradución
Este é un libro traducido a 12 mans. Un esforzo de tradución voluntaria que supuxo para nós unha gran ilusión, pero tamén un gran reto: ¿cómo traducir un libro, a 12 mans, e que se entenda?
Para facelo, tratamos de seguir un proceso similar ó que se sigue nos proxectos de software libre, apoiándonos en certas ferramentas que deran soporte a unha metodoloxía de traballo colaborativa. Deste xeito, non só traducimos un libro, senón que exploramos o traballo en comunidade noutro ámbito distinto ó da produción de software. O resultado: un libro de 116.032 palabras que fala de software libre traducido ó galego. Subxetivamente, vindo como vimos do mundo do software libre, cólmanos de felicidade que un dos textos de referencia do movemento esté no noso idioma natal. Obxetivamente, éste é un gran logro: o galego pasa a ser o 5º idioma no que se poida ler! Véxase este esforzo como a nosa humilde participación para normaliza-lo uso da lingua galega nos ambientes técnicos. O espíritu que nos moveu foi o mesmo que o dos editores do senlleiro “O Tío Marcos da Portela”, primeiro xornal monolingüe en galego: é posible falar de calquera tema en galego.
Para rematar, queremos agradecer a todos os involucrados no proxecto a súa participación: ós voluntarios que puxeron o seu tempo para convertir a idea en realidade; ós mecenas que nos permitiron sacar unha tirada en papel e esta web; ós convidados de honra que prologaron e epilogaron a obra, á deseñadora e á imprenta que estiveron sempre atentos ós nosos requerementos. Mais ante todo, queremos agracerche a ti, lector, que teñas a ben lelo.
«Brindemos polo commit, que é o átomo do software libre!»
— Asociación GHANDALF